Vantaxes da nosa proposta

As vantaxes son moitas e variadas, por iso cada vez máis estados que probaron outros sistemas están apostando polo SDDR. Aínda que en principio poida parecer complexo, é tan sinxelo como darlle valor a algo que o ten para que non se converta nun residuo polo camiño.

Entre as vantaxes máis importantes podemos sinalar as seguintes:

1. Os envases baleiros convértense en materia prima, non se mesturan con outros produtos e chegan á recicladora nas mellores condicións para o seu aproveitamento.

2. Menos lixo nas rúas. Aquí tamén gañamos todas; as praias, rúas, o monte... están actualmente cheas de lixo, e a maior parte son envases de bebidas (latas, botellas de plástico, briks…). Co SDDR estes envases teñen un valor e se as que os posúen os tiran, sempre hai alguén a quen lle interesa recollelas e recuperar ese incentivo.

3. Sistema transparente. O fluxo de envases e depósitos está perfectamente controlado pola operadora e polas administracións responsábeis.

4. Aforro municipal. Diminuiría a cantidade de residuos de envases que van parar aos vertedoiros e incineradoras, cuxo custo asumen actualmente os concellos. Ademais, ao haber menos lixo nas rúas, nas papeleiras e arredores, o servizo municipal de limpeza –que é un gran custo para os concellos- pode reducirse, co aforro correspondente. O diñeiro pode gastarse en servizos realmente necesarios.

5. Conciencia cidadá. O SDDR fai participar activamente a cidadanía na xestión dos seus residuos, a xente percibe o que consume ou valor da materia que moitas veces desbotaba sen máis. Tamén percibe que o seu esforzo paga a pena e ve o resultado.

6. Xerador de emprego estábel e de calidade. Os SDDR mostráronse coma creadores de emprego verde debido á calidade e á cantidade de materia que se recupera, á eficacia do sistema e á ampla participación da cidadanía.

7. Menos emisións de CO2. Cos SDDR reducimos emisións de CO2 por dous lados: por un, ao recoller e xestionar os residuos que antes se tiraban e acababan en vertedoiros, incineradoras ou na rúa, producíanse emisións contaminantes; por outro, ao producir os recursos naturais que desaproveitan tamén implica maiores emisións.

 

   Retorna é un proxecto iniciado por: